Termos de Servizo
Última actualización: outubro de 2026
1. Datos do prestador
| Denominación | Ponte Dixital (marca comercial) |
| Titular | Marcos Meira Durán |
| NIF | 77011785B |
| Domicilio fiscal | Moaña, 36950, Pontevedra |
| Teléfono | +34 643 986 880 |
| Correo electrónico | info@pontedixital.es |
| Sitio web | https://pontedixital.es |
2. Obxecto
As presentes condicións regulan a prestación de servizos de deseño web, desenvolvemento, hosting, mantemento e posicionamento SEO local ofrecidos baixo a marca Ponte Dixital.
A confirmación por escrito da persoa cliente —mediante correo electrónico ou calquera outro medio— implica a aceptación plena destas condicións.
3. Modelo de prezos e facturación
Os servizos préstanse baixo un modelo de subscrición mensual. Existen dous plans:
- Plan Presencia — 39 €/mes + IVE, con enderezo web propio de ata 8 páxinas.
- Plan Negocio — 69 €/mes + IVE, ata 15 páxinas, con reservas ou citas en liña, carta ou menú con QR, Google Maps optimizado, informe mensual e soporte prioritario (exclusivo deste plan).
A primeira mensualidade factúrase desde o lanzamento da web.
Os sistemas de xestión (CRM, software a medida, paneis de administración, cobros con TPV virtual ou Stripe e aplicacións a medida) non están incluídos na cota mensual: planifícanse de forma individual e orzamentan con prezo pechado antes de comezar.
O pagamento realízase mediante transferencia bancaria nun prazo máximo de 7 días naturais desde a emisión da factura. O atraso no pagamento poderá dar lugar á suspensión do servizo.
Os prezos non inclúen IVE salvo indicación expresa. Ponte Dixital aplicará o tipo vixente no momento da facturación.
4. Formas de contratación e permanencia
A mesma mensualidade pode contratarse por dúas vías, a elección da persoa cliente:
- Sen pagamento inicial. Non se abona ningún importe ao comezar. A cambio, a persoa cliente adquire un compromiso de permanencia de 12 meses, xa que Ponte Dixital asume por adiantado o custo do desenvolvemento e recupérao coa cota mensual. Transcorrido ese primeiro ano, o servizo continúa mes a mes e pode cancelarse en calquera momento.
- Con pagamento inicial. Un único pagamento de 200 € no Plan Presencia ou 300 € no Plan Negocio, IVE incluído. Nesta modalidade non existe permanencia: o servizo é mes a mes desde o primeiro día. A mensualidade é a mesma que na modalidade anterior.
A modalidade contratada quedará reflectida por escrito antes do inicio dos traballos.
5. Proceso e prazos de entrega
O proceso habitual segue as fases de briefing, deseño, revisión e lanzamento.
Os prazos son orientativos e calcúlanse desde a recepción de todos os materiais por parte da persoa cliente:
- Web de calquera dos dous plans: entre dúas e catro semanas
- Sistemas de xestión e aplicacións a medida: planifícanse á parte e o seu prazo fíxase no orzamento correspondente
Os atrasos imputables á persoa cliente por falta de entrega de materiais (textos, imaxes, logotipos, accesos) non serán responsabilidade de Ponte Dixital e poderán dar lugar á revisión do prazo acordado.
6. Cambios mensuais incluídos
Cada plan inclúe o seguinte número de cambios mensuais sobre a web publicada:
- Plan Presencia: ata 2 cambios ao mes
- Plan Negocio: ata 4 cambios ao mes
Enténdese por cambio calquera modificación que non supere 30 minutos de traballo: actualización de textos, substitución de imaxes, cambio de horarios ou datos de contacto. Os cambios non utilizados non se acumulan ao mes seguinte.
O traballo adicional fóra deste límite orzamentarase por escrito antes de comezar e só se realizará coa aprobación da persoa cliente. Factúrase a 35 €/hora + IVE, en tramos de 30 minutos.
7. Cancelación
A cancelación solicítase por escrito a info@pontedixital.es e as súas condicións dependen da modalidade contratada (apartado 4):
- Con pagamento inicial: a persoa cliente pode cancelar en calquera momento, sen penalización. A baixa é efectiva ao final do mes en curso.
- Sen pagamento inicial: durante os primeiros 12 meses rexe o compromiso de permanencia acordado. Superado ese período, a cancelación é libre e efectiva ao final do mes en curso.
Se a cancelación se produce antes de publicar a web:
- Sen pagamento inicial: facturarase o traballo xa realizado polo importe equivalente ao pagamento inicial do plan contratado (200 € en Presencia ou 300 € en Negocio, IVE incluído).
- Con pagamento inicial: se o deseño aínda non comezou, devólvese o pagamento inicial íntegro. Unha vez comezado o deseño, o pagamento inicial non é reembolsable.
8. Dominio e contidos
O dominio contratado é sempre propiedade da persoa cliente. En caso de cancelación, Ponte Dixital realizará a transferencia nun prazo máximo de 10 días laborables.
A persoa cliente dispón de 30 días tras a baixa para recuperar os seus contidos (textos, imaxes e materiais achegados).
9. Propiedade intelectual
Os contidos achegados pola persoa cliente (textos, imaxes, logotipos) son da súa titularidade. O deseño e o código desenvolvidos especificamente para o proxecto son da persoa cliente unha vez aboadas as mensualidades correspondentes.
Ponte Dixital resérvase o dereito a incluír o proxecto no seu portfolio como referencia de traballo, salvo instrución expresa en contra da persoa cliente.
10. Programa de referidos
Por cada cliente que a persoa usuaria recomende a Ponte Dixital e que contrate un plan, a persoa cliente que recomenda recibe un mes de cota gratis, que se aplica na factura seguinte a aquela en que o recomendado aboe a súa primeira cota. Sen límite de recomendacións nin data de caducidade.
11. Limitación de responsabilidade
Ponte Dixital non se responsabiliza de perdas de negocio, caídas de tráfico ou calquera prexuízo indirecto derivado do uso ou da indisponibilidade do sitio web. A responsabilidade máxima queda limitada ao importe aboado no último mes de servizo.
Os problemas técnicos derivados de servizos de terceiros (rexistradores de dominio, provedores de hosting, Google, etc.) quedan fóra do control de Ponte Dixital.
12. Lexislación aplicable e resolución de conflitos
Estas condicións réxense pola lexislación española. Ante calquera controversia, as partes intentarán unha resolución amigable. En caso de non alcanzarse acordo, sométense aos xulgados e tribunais máis próximos a Moaña (Pontevedra).
A Comisión Europea facilita unha plataforma de resolución de litixios en liña: ec.europa.eu/consumers/odr.
13. Modificacións
Ponte Dixital resérvase o dereito a actualizar estas condicións. Os cambios comunicaranse ás persoas clientes activas cun mínimo de 30 días de antelación antes da súa entrada en vigor.