¿Como saír en Google se teño un negocio en Galicia?
Pasos concretos e sen tecnicismos. O que funciona para un negocio local.
ÍndiceO que vas ler+
Quen busca un negocio preto adoita ir ese mesmo día. Se non saes, vaise a outro.
Aquí vai o que hai que facer, paso a paso. Case todo é de balde: o que custa é facelo ben e non deixalo a medias.
- 1O primeiro é a túa ficha de Google: é a que te pon no mapa.
- 2Despois, recensións reais e unha web rápida que diga que fas e onde.
- 3O mapa nótase antes; os resultados normais tardan uns meses.
Os tres sitios onde sae un negocio en Google
Antes de poñerte a iso, convén saber como funciona. Cando alguén busca un negocio da súa zona, Google amosa tres cousas:
- 01O mapa: os 3 negocios que saen coa súa ficha ao buscar «restaurante en Moaña» ou «fontaneiro en Vigo». Para un negocio con local, é o sitio que máis vale.
- 02Os resultados de sempre: a lista de ligazóns. A túa web pode saír aquí se está ben feita.
- 03Os anuncios: Google Ads. Saes arriba de todo, pero pagas por cada clic, todos os días.
Este artigo trata dos dous primeiros: non se pagan por clic e o que consegues queda.
Paso 1: a ficha de Google, o primeiro
Se só vas facer unha cousa, que sexa esta: crea a túa ficha de Google e énchea enteira. Chámase Perfil de Empresa de Google e é a que decide se saes no mapa.
Sen ficha, non saes no mapa. Cunha ficha ben feita podes saír arriba cando buscan «perrucaría en Cangas» ou «taller en Marín», sen pagar nada.
O que tes que encher si ou si:
- O nome do negocio, igual que na túa web e nos teus papeis.
- A categoría principal: escolle a máis concreta que haxa.
- O enderezo, ou a zona onde traballas se vas á casa do cliente.
- O teléfono e o horario, sempre ao día.
- Fotos boas do negocio: polo menos cinco.
- Unha descrición que diga que fas e onde, coas palabras que usaría o teu cliente.
Cando a crees, Google pedirache que demostres que o negocio é teu. Normalmente, por carta ou por videochamada.
Paso 2: recensións de clientes reais
As recensións pesan moito para subir no mapa. Para Google, moitas recensións boas queren dicir que o negocio é de fiar.
O máis sinxelo, e funciona: despois de cada traballo, manda un WhatsApp coa ligazón directa para deixar a recensión. Nada máis. Se llo pos fácil, a maioría dos clientes contentos déixaa.
Conta o número, non só a nota: un negocio con 20 recensións de 4,8 estrelas adoita gañarlle a un con 2 recensións de 5.
Paso 3: unha web rápida e clara para Google
A Google non lle abonda con que teñas web: mira como é. Isto é o que máis conta para saír na túa zona:
- Que cargue rápido no móbil. Google mide o que tarda. Se pasa de 3 segundos, cústache subir. Unha web de WordPress mal montada vaise a 5 ou 8 segundos.
- O teu concello no título e no titular da páxina. «Fontaneiro en Vigo · Urxencias 24 h» funciona moito mellor que «Fontaneiro» sen máis.
- Nome, enderezo e teléfono iguais en todas partes: na web e na ficha de Google, letra por letra. Ata «rúa» ou «r/» pode confundir a Google.
- Datos para Google dentro da web: unha ficha que o cliente non ve e que lle di a Google que negocio es, onde estás e a que hora abres. Moitas webs non a teñen.
Se tes dúbidas coa túa, mirámoscha de balde: como carga no móbil, como saes en Google e en Maps, e os cinco cambios que máis che axudarían.
Paso 4: escribe o que busca a xente da túa zona
Para os resultados de sempre, os que non son o mapa, a túa web ten que usar as mesmas palabras que os teus clientes cando buscan. Non fai falta un blog enorme. Abonda con que saian cousas coma estas:
- O que fas e o teu concello: «deseño de interiores en Pontevedra».
- O que fas e a túa comarca: «clínica dental no Morrazo».
- As preguntas que che fan: «¿canto custa reformar unha cociña en Galicia?».
Unha páxina de preguntas frecuentes ben escrita trae, mes a mes, xente que busca xusto iso.
¿Canto tarda en notarse?
O mapa responde antes: coa ficha ben feita e unhas cantas recensións, podes comezar a saír en 2 a 6 semanas. Os resultados de sempre tardan máis: entre 2 e 5 meses se na túa zona hai competencia.
Un exemplo noso: Pitanga Café & Flor, unha floraría e café de Cangas, saíu na primeira páxina de Google no seu primeiro mes, ao buscar o seu nome. Cun dominio que acababa de nacer: 52 clics e 1.096 aparicións en Google ese mes.
O importante é comezar. Cada mes sen facelo é un mes no que te busca xente que acaba noutro sitio.
O que facemos nós pola túa ficha e a túa web
Todo o deste artigo facémolo nós. Ti segues co teu negocio.
Se aínda non sabes canto che custaría a web, contámolo claro en canto custa unha páxina web para un negocio en Galicia. E se agora todo che chega por Instagram, le se paga a pena ter web se xa tes Instagram.
